Monday 06 de May de 2024

Vinte novos vehículos permitarán mellorar o servizo de limpeza do municipio


A concesionaria Recolte presentou hoxe parte da flota

A explanada situada a carón do complexo da Fieiteira protagonizou  a entrega de parte dos medios mecánicos que a nova concesionaria do servizo de limpeza, Recolte, utilizará neste labor.

Ademais do alcalde Manuel Ruiz e o concelleiro Emilio Pérez, o acto contou coa asistencia entre outros de Manuel Santana, director xeral da citada empresa, e de Jorge Oruña, xefe de servizo

Serán vinte os vehículos que desempeñarán os traballos de limpeza nos seus diferentes aspectos. Hoxe foron presentados parte desta flota: entre outros vehículos, cinco furgonetas, dúas pick-ups, un tractor para limpeza de praias ou un vehículo autónomo máis pequeno capaz de entrar en pequenas calas onde ata agora no é posible desenvolver este labor con medios mecánicos.

No futuro chegarán os novos camións de recollida de lixo (dous de carga lateral e tres de carga traseira), un vehículo de lavado e catro barredoras, unha delas equipada con cepillos especiais para a limpeza de céspede que aparecen nas esquinas dalgunhas beirarrúas.

A flota está serigrafiada con imaxes distintivas de Riveira e o eslogan “Riveira limpa, limpa Riveira”. A inversión en maquinaria e contedorización supera os dous millóns de euros.

Segundo explicou Jorge Oruña, Riveira é un marco onde Recolte quere amosar o que é capaz de facer prestando o mellor servizo posible. Neste senso, explicou que a maquinaria máis moderna vai permitir dedicar medios humanos (actualmente traballan 45 persoas que superan o medio cento na época de verán) a realizar pequenas cousas máis vistosas para o cidadán.

O alcalde expresou de que dende o Concello están moi ilusionados co servizo ante a esperanza de que co novo material se mellore substancialmente.

Tamén recordou que a empresa ten programado situar a súa nave no polígono industrial de Xarás, incorporando á mesma o punto limpo xa existente.